Tuesday 21 de May de 2024

O alcalde de Ordes clausura o Curso de Atención Sociosanitaria a Persoas Dependentes no Domicilio


Ademais das clases teóricas o alumnado tamén tivo unha parte práctica que se desenvolveu en empresas e organizacións da comarca

Manuel Regos, alcalde e presidente da Mancomunidade de Ordes, clausurou esta mañá o Curso de Atención Sociosanitaria a Persoas Dependentes no Domicilio. Unha iniciativa englobada dentro do plan de Acción Formativa a Desempregados (AFD), e que conta co financiamento da Consellería de Traballo e do Fondo Social Europeo, ademais da estreita colaboración do Concello de Ordes.
O dito curso, de 628 horas en total, desenvolveuse na aula formativa ubicada en Mesón do Vento dende o pasado verán, e estivo dirixido a un total de 15 alumnos e alumnas. O programa tamén incluíu unha parte práctica en diversas empresas e organizacións da comarca, na que o alumnado comprobou a utilidade de todo o aprendido nas clases teóricas, ademais de adquirir experiencia en aspectos relacionados co coidado, hixiene, alimentación etc. Tras completar o curso farase entrega do certificado de profesionalidade a todos os asistentes.
“Cada vez hai máis persoas maiores que precisan de coidados especializados, polo que este tipo de cursos están cada vez máis demandados. Sobre todo tendo en conta que dende a administración exíxese unha titulación oficial para poder traballar nelo”, puntualizou Manuel Regos. O alcalde tamén lles aconsellou “deixar o currículo no Concello por si algunha vez podemos darlle unha oportunidade a alguén”.